Read It Later pasa a ser de balde e muda o seu nome a Pocket

martes, 17 de abril do 2012 Marcus Fernández

Read It Later gañara popularidade grazas á súa versión para iPhone

Os usuarios de iPhone levan tempo empregando unha aplicación moi popular (conta con máis de catro millóns e medio de usuarios rexistrados) chamada Read It Later, que facilitaba principalmente que cando atopásemos algún contido na Rede puidésemos gardalo para unha lectura repousada máis adiante (de aí o seu nome) e, aínda que era unha solución multiplataforma (pode empregarse vía web así como baixo iOS e Android), a versión para os dispositivos móbiles de Apple era a máis popular sen dúbida, o que podería cambiar agora, cando a ferramenta nacida en 2007 decidiu experimentar un cambio radical, converténdose nun produto de balde, renovando a súa interface de uso e incluso mudando o seu nome ao de Pocket (peto, en inglés).

Entre as vantaxes de Pocket está a de poder gardar artigos que consideremos de interese para poder chantarlles o dente cando teñamos tempo libre

Este cambio de nome responde en boa medida ao uso que se daba a este servizo, que xa non se limitaba a gardar textos de certa lonxitude, senón que se empregaba para almacenar fotografías e vídeos, de aí que buscasen fuxir dunha referencia á lectura no seu nome e buscasen un enfoque dirixido a destacar que cando atopas algo que queres ver máis tarde, podes metelo no peto.
Podemos entender que estamos ante un sistema de marcadores/favoritos baseado na nube, que conta con grande apoio de desenvolvedores de aplicacións, de xeito que tanto podemos engadir contidos á nosa conta de Pocket a través un atallo no noso navegador web do ordenador ou do móbil, remitindo a ligazón por correo electrónico, ou dende aplicacións móbiles como Twitter, Flipboard, Pulse ou Reeder, o que facilita unha xestión centralizada de contidos que consideremos de interese, e que non só son doados de gardar, senón que agora poden consultarse dun xeito máis atractivo, tanto dende a aplicación de Pocket para iOS ou para Android, como da propia web do servizo, que conta cun deseño moi áxil e coidado.

O servizo de Pocket tamén é accesible vía web

Amais, o sistema permite repartir os contidos en 3 grandes categorías (artigos, imaxes e vídeos), etiquetar o material almacenado e ordenalo de distinto xeito e incluso realizar buscas entre o material almacenado, polo que estamos ante unha ferramenta que incluso pode resultar de grande utilidade para usos profesionais, de aí que resulte moi de agradecer que agora chegue de balde o que antes era a versión de pagamento de Read It Later (de feito, quen a tivera só ten que actualizala para saltar a Pocket, mentres que os usuarios de balde deberán borrar a súa versión instalada de Read It Later e instalar agora Pocket).


Vídeo de presentación de Pocket

PUBLICIDADE