Recibidas tres ofertas de empresas para redactar o proxecto do Centro de Ciberseguridade de Galicia

luns, 18 de xullo do 2022 S. P.

Finalmente o Goberno galego recibiu tres ofertas de empresas para a elaboración do proxecto e dirección das obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, en San Cibrao das Viñas (Ourense), no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Este proxecto, cuxa execución suporá un investimento de 4,2 M€, ten como obxectivo contribuír á protección dixital da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como fomentar desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.
A Xunta prevé adxudicar en outono este contrato para a redacción do proxecto construtivo, licitado por preto de 220.000 €, para telo rematado na próxima primavera. Logo iniciarase a contratación e o arrinque das obras, sendo a previsión poñelo en marcha a mediados do 2025.
Este novo centro xorde directamente da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), impulsora deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras de edificación. Esta intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.
O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia habilitarase na parcela 3E da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, que conta con algo máis de 3.000 m². O edificio, con máis de 2.000 m² de superficie construída, dará acubillo a espazos de monitoraxe e xestión da ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de aluguer para empresas privadas. Os traballos completaranse cunha área para o estacionamento, prevendo habilitar arredor de 40 prazas de aparcadoiro.
En palabras de AMTEGA, o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia converterase nun punto de encontro entre “a innovación en materia de protección tecnolóxica e as necesidades e retos da sociedade”. E engade: “Coa posta en marcha deste edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía galega baseado nas tecnoloxías, cara a unha Galicia mellor”.
O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da FEGAMP, coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector. A vocación deste centro é estar á disposición de toda a sociedade.

PUBLICIDADE