Recoñecida co Premio Sixto Seco a plataforma Conetcam, “o BlaBlaCar dos cámaras”

martes, 20 de outubro do 2015 Redacción

Onte entregáronse na Cidade da Cultura os terceiros Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, uns recoñecementos dirixidos a salientar o alento innovador na contorna das nosas empresas culturais. No certame, promovido pola Fundación Cidade da Cultura, distinguiuse a traxectoria da plataforma P2P de consumo colaborativo de equipos e servizos audiovisuais Conetcam, presentada no seu día como “o Blablacar dos cámaras”, un servizo de intercambio de ficheiros entre propietarios de equipos e usuarios. Tamén obtiveron premio a liña de produtos infantís vinculados ao deseño Cucuducho e a consultoría especializada en innovación e cultura Kolectiv.
Os galardóns foron entregados polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen destacou “a innovación e a creatividade dos proxectos premiados” e lembrou “a dura competencia que houbo nesta terceira edición dos Emprende Gaiás-Sixto Seco”, que recibiu tres veces máis proxectos que na anterior convocatoria.
Ademais do conselleiro, o acto contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e dos representantes das empresas que colaboraron cos Emprende Gaiás-Sixto Seco: Ángel Pérez Pérez, director da Zona Norte de Correos; e Manuel Prol Cid, director institucional de Sabadell Gallego, que ademais foron os encargados de entregar os premios.
Cada un dos premiados recibiu un premio en metálico de 2.000 euros e incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás, onde recibirá apoio, asesoramento e formación durante os primeiros pasos da empresa.
Como dixemos, o xurado desta terceira edición do certame decidiu outorgar o galardón na área de aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural e proxectos culturais en Internet a Conetcam, un proxecto impulsado por Adolfo Ponte, Alberto Basalo e Alberto Vázquez que busca poñer en contacto a propietarios de equipos audiovisuais (cámaras, focos, micrófonos…) e a usuarios que queren facer un uso puntual dos mesmos “a baixo custo e cun proceso sinxelo e de confianza”. Conetcam, reflectiron os seus responsábeis, “busca converterse na primeira plataforma P2P no mundo que se orienta ao nicho broadcast, seguindo o modelo de plataformas de espírito colaborativo como Blablacar, Airbnb ou Crowdwlending”.
Na área de deseño e creación artística e plástica no ámbito cultural, o premio recaeu na firma Cucuducho, de Lois Guillán Santamaría. Cucuducho é unha liña de produtos infantís (mobiliario, obxectos decorativos, lámpadas, xoguetes) ligados ao deseño e con influencia na contorna onde se leva a cabo a actividade. Entre os seus obxectivos está o de traballar con produtos de provedores locais e con materiais naturais e de orixe autóctona, ademais de poñer en valor a nosa cultura.
Finalmente, na área de de xestión cultural, o premio foi para Kolectiv, unha consultoría especializada na innovación e a cultura que busca conectar ideas, persoas e coñecementos. Francisco García Quiroga é o artífice desta empresa que busca impulsar a formación no ámbito da cultural, creación de proxectos e o desenvolvemento de webs para proxectos innovadores e culturais.

PUBLICIDADE