Recuncho Maker achega esta finde sesións argalleiras sobre Escornabots e Arduino

venres, 27 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

A asociación Recuncho Maker está a brindarnos un inicio de finde argalleiro a mans cheas. Ou sexa, unha nova oportunidade para demostrarnos a nós mesmos e ao mundo que construír tecnoloxías e facer innovación está ao alcance de todas e todos. Hoxe venres celébrase un obradoiro sobre o Escornabot, o trebello galego “encargado” de introducir na robótica e na programación ás crianzas. Mañá é a quenda dunha cita con Ardunio: unha porta aberta para comezar a darmos pasos firmes na placa-software por excelencia do ámbito da tecnoloxía sen cancelas nin licenzas privativas.
O roteiro deste obradoiro é, primeiro, “partir de cero con Arduino” para logo facer unha sesión práctica e aprender o que son as entradas e saídas da dita tecnoloxía, con exemplos ilustrativos sobre como facer as conexións físicas e cargar os programas no microcontrolador (polo camiño, aprenderanse conceptos de valor sobre compoñentes básicos de electrónica, circuítos básicos para controlar LED e detectar pulsación botóns, etc).
Os dous obradoiros terán lugar no Centro Socio-Cultural de Caramoniña, en Santiago de Compostela, o primeiro este 27 de outubro a partir das 17.00 horas, e o do sábado previsto para as 11 horas. A duración aproximada nos dous casos é de tres horas.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Recuncho Maker realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE