Red.es dá comezo ao seu itinerario de divulgación dixital pola nosa terra

martes, 11 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxe de arquivo dun obradoiro dixital previo de Red.esRed.es está xa a presentar na nosa terra as súas iniciativas de promoción das redes no eido empresarial. A entidade do Ministerio de Industria vén de inaugurar o seu percorrido na Coruña, este martes 11 no Hotel Eurostars Palace, onde (entre outros) se deron cita o xefe da Área de Sociedade e Pemes de Red.es, Jaime Castellano, e o xefe de Gabinete do Delegado do Goberno en Galicia, José María Álvarez. O encontro cos empresarios da cidade galega, que terá continuidade os vindeiros días noutras cidades da nosa xeografía, serviu entre outras cousas para dar conta das novas convocatorias de programa NEW (Ningunha Empresa sen Web), dirixido a facilitar con axudas económicas e máis técnicas a entrada das firmas españolas na Sociedade da Información.
Asemade, o evento tamén acolleu a presentación e desenvolvemento na Coruña das Xornadas Empresas en Rede, encamiñadas tamén a reforzar a produtividade e máis a competitividade das pemes e dos autónomos pola vía do dixital. Ou sexa, que a idea é fomentar a presenza das TIC para que as empresas gañen en rendibilidade e aforren custos na súa xestión diaria e nos seus labores de promoción e comunicación con clientes e provedores.
Como dixemos, a actividade de hoxe na Coruña terá continuidade os días vindeiros: en Ourense mañá mesmo e en Lugo o día 2 de decembro. A intención de Red.es é celebrar as Xornadas Empresas sen Rede e os obradoiros de NEW en todas as provincias galegas como parte do plan estatal que inclúe 104 sesións de traballo e que se desenvolverá até decembro de 2009 en toda España.
Volvendo á actividade dupla celebrada hoxe na Coruña, dicir que se desenvolveu perante a presenza dun bo número de empresarios locais ao longo de catro horas de sesións de tipo teórico e práctico. Na xornada, entre outros temas, abordouse a xestión eficaz dos diferentes procesos empresariais ou o control dixital da carteira de clientes. Tamén se fixo fincapé no emprego axeitado e rendible de ferramentas tecnolóxicas como por exemplo a sinatura dixital, os sistemas de mobilidade (PDAs) ou a banca electrónica.

PUBLICIDADE