Red.es e Vodafone salientan a necesidade de favorecer ó máximo o acceso ás redes das persoas discapacitadas

xoves, 4 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Entre as conclusións que se poden tirar do estudo TIC e Dependencia que vén de presentar o Ministerio de Industria hai algunhas que semellan encamiñadas a abrirlle os ollos á sociedade e outras, pola contra, parecen dar voltas sobre o que xa sabía. Entre unhas e outras e collendo parte dos dous mundos atopamos a seguinte conclusión: as persoas dependentes consideran as novas tecnoloxías da información fundamentais para superar as súas limitacións (en Galiza, os colectivos de discapacitados levan anos insistindo na necesidade de favorecer o acceso destas persoas ás redes e pedindo axudas en todas as portas, no camiño de acadar meirande calidade de vida).
A investigación, que foi presentada estes días polo ministro de Industria, Joan Clos, é froito dun traballo conxunto entre Red.es e a Fundación Vodafone, a partir das conclusións dun grupo de especialistas procedentes do sector público e do privado. O informe, que ten como principal obxectivo abrir novas posibilidades de integración a través do acceso ás TIC, parte da seguinte realidade: en España hai 4 millóns de persoas con algún tipo de discapacidade e, na súa meirande parte, estamos a falar de persoas que corren o risco de vivir de xeito parcial na Sociedade da Información.
Desta maneira, por unha banda, tense constatado que as redes melloran as súas posibilidades de integración e comunicación e, pola outra, cómpre sinalar que esas posibilidades estanlle negadas as máis das veces por mor da falta de oportunidades de formación e da propia feitura exterior da Sociedade do Coñecemento: webs pouco accesibles, imposición do rato e do teclado e doutros periféricos que só serven para persoas con mobilidade, etc.
O estudo, entre outras cousas, semella que tamén serve para poñer de relevo (unha vez máis) esta realidade: a inmensa maioría das persoas dependentes devecen por participar o máximo posible nas actividades cotiás da vida normalizada, considerando os medios técnicos e tecnolóxicos unha ferramenta de primeira orde para apoialos na superación das súas limitacións.
Pero hai máis conclusións, algunhas delas interesantes:
· A utilidade das TIC está máis afianzada entre os colectivos que teñan cambiado a súa vida grazas á tecnoloxía (sobre todo as persoas xordas), baseándose na observación dos constantes desenvolvementos tecnolóxicos.
· O colectivo de xordos é o que ten maiores taxas de adopción da telefonía móbil (98,4%) e de Internet (69,8%), seguido polo de físico-motores (89,4% e 66,8%) e o de cegos (91,6% y 46,2%). No que se refire ó de maiores, a investigación salienta que as teñen incorporado en menor medida (24,7% e 19,0%).
· Hai desinformación e descoñecemento entre unha boa parte das persoas discapacitadas e dependentes respecto do que pode facer por eles a tecnoloxía (e nisto teñen boa culpa as institucións e as empresas), sobre todo entre persoas maiores, doentes crónicos ou persoas con discapacidade intelectual.
· Cómpre facilitar no posible o acceso ó medio tecnolóxico, posibilitando que as ferramentas podan ser adquiridas polos usuarios potenciais. Neste senso, o informe esíxelles ás empresas e institucións responsables que poñan no mercado ferramentas con usabilidade para todos os cidadáns.
Na imaxe, teclado con liña de Braille adosada.

PUBLICIDADE