Red.es fai reconto do acadado con Internet na Aula e anuncia un congreso virtual sobre o programa

martes, 3 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O Ministerio de Industria –a través de Red.es- vén de facer reconto do acadado nos centros educativos de todo o Estado español en materia de achega de equipos, recursos e servizos vinculados á Sociedade da Información. Ou sexa, dos esforzos encamiñados a acadar que a mocidade poida situarse con soltura no lado dixital da fenda e que se materializan en boa medida no programa Internet na Aula. Entre os puntos máis salientables do informe sobre esta iniciativa en concreto atopamos datos directamente vinculados á nosa terra.
Por exemplo: sobre o orzamento destinado por Red.es e a Consellería de Educación da Xunta ó impulso das TIC nos centros educativos galegos entre 2005 e 2008, que foi de 20 millóns de euros. Asemade, tamén se achega información sobre o número de alumnos beneficiados ao longo do dito período por Internet na Aula (máis de 362.000) e de mestres (1.563).
Segundo informa Red.es, o programa –que se insire no Plan Avanza- incluíu na nosa terra a incorporación ás aulas de 5.522 ordenadores, 1.388 vídeo proxectores, 791 encerados dixitais e 963 computadores.
Sobre o Congreso Internet na Aula
Un dos puntos máis salientables do Plan Avanza do Ministerio de Industria (que ten un orzamento de 5.700 millóns de euros até 2010, dos que xa foron destinados 2.737 ao longo dos seus dous primeiros anos de vixencia) é o programa Internet na Aula. Este está agora a piques de chegar a un intre decisivo no seu devir: a celebración dun congreso en liña no que poderán participar os profesores galegos e de todo o Estado e que constitúe o primeiro evento destas características (en liña) organizado polo Goberno central e o conxunto de todas as Administracións Educativas autonómicas españolas, incluída a Xunta. A xuntanza, que se desenvolve baixo o lema “aprende e ensina”, vai dirixido a achegar aos docentes á Sociedade da Información de xeito innovador, informándolles sobre as TIC con contidos e (tamén) coa propia canle dos contidos. Non en van, desenvólvese en dúas modalidades:
· Congreso virtual, a través de www.congresointernetenelaula.es, dende o 1 de abril ao 30 de outubro de 2008.
· Congreso presencial. Celebrarase de xeito simultáneo do 26 ao 28 de xuño de 2008 en Madrid, Barcelona, Granada e Santander.
Sinalar que os profesores galegos interesados en acudir ós ditos eventos deberán inscribirse na páxina web habilitada, sendo o 10 de xuño a data límite para facelo no presencial.

PUBLICIDADE