Retómase a Mostra de Cinema Etnográfico cunha manchea de actividades online

martes, 18 de agosto do 2020 S. P.

Do 25 ao 29 de agosto celebrarase dende Santiago a 15ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que este ano, como case todos os acontecementos culturais que non se suspenderon ou adiaron, virá cun formato adaptado á nova realidade e as esixencias de seguridade e distanciamento: un formato online. Concretamente, o formato elixido é unha metodoloxía mixta de actividades en liña e accións presenciais. A mostra, como lembraremos, ía celebrarse en marzo pero tivo que ser aprazada por mor do Estado de Alarma.
Polo tanto, a MICE, organizada polo Museo do Pobo Galego, combinará proxeccións en liña dos filmes internacionais cos pases presenciais dos filmes galegos a concurso na sección oficial. Nesta edición, a creación audiovisual galega está composta por Eu tamén necesito amar, de Antonio Caeiro; Hamada, de Eloy Domínguez, e as curtas En la boca de la mina, de Brandán Cerviño, e Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo. Unha presenza galega que se estende ao resto da programación fóra da competición na sección Cinema Bonaval, coa estrea en Galicia de Xoves de comadres, de Noemi Chantada, logo do seu pase polo Festival de Málaga, ou a primicia do documental Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, o xoves 27 ás 22:00 h.
Xurado e premios por Internet
O xurado estará formado por Jorge Moreno (antropólogo, cineasta e director do proxecto Mapas de Memoria); Iván Cuevas (xornalista, filólogo e fundador do Cineclub de Compostela) e Xisela Franco (cineasta, documentalista e profesora). Eles farán entrega dos premios á Mellor Película e á Mellor Película Galega, dotados con 1000 e 700 euros, respectivamente. Pola súa banda, a Asociación Galega de Antropoloxía, formada este ano por Bibiana Martínez, Carlos Diz e Joan Roura, entregará o premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, cun premio dotado con 500 euros e trofeo. Os e as asistentes tamén outorgará o Premio do Público. Para esta edición, na que se poderá ver parte da programación en liña, habilitarase un sistema de votación por Internet.
Sección oficial, 15 traballos
Esta sección oficial reúne 15 traballos, moitos dos cales se presentan por vez primeira en España e entre os que sobresaen as obras de procedencia europea e asiática. Algúns deles chegan a Santiago tras o seu paso por prestixiosos festivais internacionais como Terra, de Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres, no DocLisboa; 11,565 Kilometres, de Beichen Zhang, na Tribeca’s Contemporary Art Fair de Nova York, ou Hamada, do director galego Eloy Domínguez Serén, no Cinéma du Réel do Centro Pompidou de París.
Completan a programación desta 15ª edición o taller Da investigación á creación biográfica, as actividades presenciais e en liña da MICE Petís para o público infantil e a exposición As pequenas cousas. De como os obxectos gardaron unha memoria perseguida, que poderá verse ata finais de setembro no Museo do Pobo Galego.


PUBLICIDADE