Retrasan o lanzamento do mando con control de movemento de Sony

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

A Xbox 360 e a PlayStation 3 presentaron no pasado E3 as súas propias tecnoloxías de detección de movemento, e mentres que Microsoft decidiu prescindir do mando co seu Proxecto Natal, Sony foi na liña de Nintendo coa Wii, combinando un mando con sensor de movemento cunha webcam, que sairía en primavera, mentres que a solución de Microsoft quedaría para antes do Nadal, pero as últimas informacións da compañía nipona dan a entender que o lanzamento do seu novo mando vai demorarse ata o outono, de xeito que coincidirá no tempo co que promete ser o seu principal competidor.
Aínda non se coñecen os nomes que terán estas novas tecnoloxías, comentándose que o mando de Sony podería chamarse Wand, Gem e, máis recentemente, Arc, pero ningún destes nomes foi adoptado oficialmente e poderían corresponder simplemente a designacións técnicas, resultando tamén bastante prudente que non o anuncien con moita antelación de cara á súa protección coma marca.
Este non é o único retraso de Sony estes días, senón que o xogo Gran Turismo 5, previsto para marzo, tamén podería demorarse, non chegando a concretarse a súa data de lanzamento para PlayStation 3.

PUBLICIDADE