Ribeira e Santiago, distinguidas como Cidades da Ciencia e a Innovación

mércores, 11 de febreiro do 2015 Redacción

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, recollendo o galardón

A entrega de recoñecementos Cidades da Ciencia e a Innovación 2014, celebrada en Burgos, tivo notábel presenza galega. Por unha banda a de Ribeira, que como lembraremos foi distinguida como urbe I+D a finais do ano pasado, salientándose daquela proxectos como a posta en funcionamento dunha plataforma Web-Xis no marco do programa Ribeira Atlántica 2015 (financiado nun 70% con fondos europeos FEDER) e co obxectivo de converter a dita localidade nunha Smart Village. Por outra banda, tamén recolleu a distinción de mans do Goberno central (Ministerio de Industria e Economía) o Concello de Santiago, máis polo miúdo a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez. En representación de Ribeira, acudiu a Burgos o alcalde, Manuel Ruiz Rivas.
A cita contou coa presenza de alcaldes e concelleiros das novas quince cidades distinguidas co devandito recoñecemento, amais de Ribeira e Santiago. Todas elas pasan agora a incorporarse á Rede Innpulso, unha iniciativa para promover a concorrencia das vilas e cidades do ámbito estatal en todo tipo de xuntanzas e programas internacionais relacionados coa innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. A través de Innpulso, tanto Ribeira como Santiago serán consideradas referentes para o emprazamento de infraestruturas científicas e tecnolóxicas de titularidade ou participación estatal. Tamén serán susceptíbeis de acubillar nodos da rede do Ministerio ou congresos e eventos vencellados á ciencia e á innovación, entre outras cousas.
A entrega de galardóns tivo lugar no Palacio de Congreso de Burgos, o Fórum Evolución. Estivo presidido pola secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela, e polo alcalde da localidade burgalesa, Javier Lacalle. E participaron os presidentes actuais da Rede Innpulso, que son os rexedores de Móstoles e Baracaldo.
Segundo fixo saber Ruiz Rivas con motivo do recoñecemento, “este premio supón unha oportunidade para aprender doutras cidades con máis bagaxe có noso no camiño da innovación”. Ademais, explicou que son catro os piares nos que se fundamentou o proxecto de Ribeira como Cidade Intelixente: “En primeiro lugar, a creación dunha Web-Xis que se apoia nas novas tecnoloxías para conquerir un concello máis transparente, máis próximo ao cidadán e máis eficiente na xestión dos servizos públicos; en segundo lugar, a elaboración dun Plan de Mobilidade Urbano Sostible integrado por 46 actuacións encamiñadas a acadar unha maior cohesión territorial; en terceiro lugar, a realización dun Plan de Eficiencia de Residuos Sólidos urbanos que aposta polo xeoposicionamento para a optimización de rutas; e por último, un Plan de Eficiencia Enerxética que suporá que o noso sexa un dos primeiros concellos de Galicia en ter un alumeado exterior integramente de tecnoloxía LED”.
En total, foron quince as novas cidades distinguidas ao longo dun evento de algo máis dunha hora e media de duración. Amais de Ribeira e Santiago, foi salientado o labor Alzira, Ávila, Molina de Segura, Ontinvent, Palencia, Sant Feliú de Llobregat, Alcalá de Henares, Logroño, Mataró, Oviedo, Pamplona, Sabadell e San Cristóbal de La Laguna.

PUBLICIDADE