Richard Stallman avoga dende Vigo por rachar coas presións da gran industria

martes, 10 de decembro do 2013 Redacción

Na mañá de onte luns o fundador do movemento polo software libre, Richard Stallman asistía en Vigo a un coloquio inserido no marco da Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Governmet, MeTTeG 2013, no que subliñaba o que para el son os alicerces base do mundo da informática, que o levaban a rachar en 1980, dende o seu posto no Laboratorio de Intelixencia Artificial do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), coas presións da industria por substituír o software libre que até entón empregaba, por outro privativo ou non libre. Stallman engadía que co software libre “respéctase a liberdade dos usuarios”, mentres que co software privativo “é o programa quen ten o control sobre o usuario, e máis concretamente o dono do programa quen exerce o control. É un poder inxusto que ten o software privativo que non debería existir e aí que a meta do movemento polo software libre sexa a liberación do ciberespazo para que o usuario teña liberdade”.
O fundador do sistema GNU impartía na tarde de onte un relatorio ao abeiro da Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Governmet, MeTTeG 2013, organizada polos investigadores do grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos da Universidade de Vigo, coa colaboración do Concello de Vigo e da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación da Información. Nel demandaba perante os medios de comunicación a migración dos estados e todos os centros de ensino de todos os niveis ao software libre como garante da liberdade dos usuarios. Stallman falou tamén das “funcionalidades malévolas” dos programas privativos que “espían e restrinxen” aos usuarios sen que estes teñan coñecemento. Tal é o caso -segundo Stallman- de Windows, Mac, Flashplayer ou Kindle de Amazon e mesmo “o software de case todos os móbiles que teñen portas traseiras para convertelos en dispositivos de escoita”.
O fundador do movemento polo software libre estivo acompañado polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández; o concelleiro de Fomento e Transportes, David Regades e o profesor da Universidade de Vigo e membro da organización da Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Governmet, MeTTeG 2013, Luís Álvarez Sabucedo, que deixaron claro o compromiso das institucións ás que representan coa administración dixital, o software libre e a recuperación de aparellos informáticos, ao tempo que salientaban a importancia de contar coa presenza de Richard Stallman en Vigo.
Asemade, Richard Stallman amosábase claro de cara á necesidade de erradicar o software privativo do ensino, xa que “introduce a dependencia e vai contra a misión social de educar cidadáns solidarios, libres e independentes”. Amais, non dubidou en acusar ás empresas de software privativo de actuar como “traficantes de drogas” cando achegan de xeito gratuíto ás escolas copias dos seus programas, algo que para Stallman é como “ofrecer gratis a primeira dose para introducir a dependencia”. É por iso que segundo Stallman “o software libre é esencial na escola para a educación moral da cidadanía” dado que fomenta a axuda aos demais ou a boa vontade, a través por exemplo de compartir códigos fonte entre os membros dunha clase.
O mesmo opina Stallman sobre os estados, a todos os niveis, para que así poidan “recuperar a soberanía informática do país, porque no caso contrario estase a someter o estado aos donos dos programas, o que prexudica a seguridade nacional”. Dende Vigo exhortou aos estados, para garantir a seguridade nacional, a “rematar co software privativo”.

PUBLICIDADE