Richard Stallman vén ao MeTTeG de Vigo para falar de software libre e da administración que nos vén

martes, 26 de novembro do 2013 Fernando Sarasketa

O congreso MeTTeG é un congreso que vén en entregas. E está ben que así sexa, deste xeito a pegada increméntase. Como lembraremos, a nova edición desta xuntanza, a sétima, comezou a desenvolverse o pasado mes de outubro, no Hotel Bahía de Vigo, onde contou diversos relatorios sobre Administración Dixital, as cidades intelixentes, os datos en aberto e máis a seguridade e privacidade das comunicación. Esta nova convocatoria do congreso, no que participaron investigadores dunha chea de países (España, Suíza, Italia, Suecia, Holanda, Serbia, Bélxica, Uzbequistán e Hungría), vai contar en breve cunha máis que interesante prolongación. E non unha prolongación calquera: unha conferencia presidida por Richard Stallman, a celebrar o 9 de decembro.
Lembrar que MeTTeG vén da man dos investigadores do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos co soporte do Concello de Vigo e a Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación da Información.
Trátase da segunda vez que este congreso se celebra en Vigo, tras unha anterior edición na cidade en 2009 que tivemos ocasión de reflectir en Código Cero facendo fincapé nos éxitos e nas eivas que daquela estaba a amosar o proceso de dixitalización das institucións públicas e as súas canles de comunicación coa cidadanía.
“É para nós unha honra que esta conferencia se celebre por segunda vez na cidade de Vigo, desta volta de novo coa participación dos axentes implicados en diferentes eidos da administración dixital”, explicou antes do comezo desta sétima edición Luís Álvarez Sabucedo, membro do grupo organizador, que nos situou daquela un 80% dos participantes no ámbito académico e o 20% restante no empresarial e da administración.
O caso é que MeTTEG 2013 segue adiante, con Richard Stallman como inmellorábel colofón. A súa conferencia, como non podía ser doutro xeito tendo en conta o miolo do seu discurso, será aberta para todo o público interesado (contando con acceso prioritario, iso si, as persoas rexistradas no congreso). Para quen non saiba nada de Stallman a estas alturas (cousa ben rara entre os lectores de webs como Código Cero), dicir que en boa medida é o culpábel de que hoxe en día haxa un movemento tan interdisciplinar e multicanle como o software libre, un movemento que comezou avogando pola extensión de programas sen licenzas pechadas pero que hoxe en día mesmo deixa pegada no noso xeito de traballar, convivir ou comunicarnos. Stallman e outros puxeron en marcha todo isto en 1983, acompañado do desenvolvemento do sistema operativo GNU no 1984. E que é iso do GNU? Pois GNU é o mesmo que dicir software libre, isto é: todo o mundo é libre de copialo e distribuílo, así como tamén de realizar cambios de meirande ou menor magnitude. O sistema GNU/Linux é arestora empregado en decenas de milleiros de computadores.
Engadir que Richard Stallman recibiu o premio Grace Hopper da ACM (ACM Grace Hopper Award), unha bolsa da Fundación MacArthur, o premio Pioneiro da Fundación Fronteira Electrónica e o premio Takeda pola Mellora Social/Económica, así como tamén varios doutorados honorarios.
A cita con Stallman será no edificio do teatro da Fundación NovaCaixaGalicia na rúa García Barbón o vindeiro luns, 9 de decembro ás 19h. A charla levará por título O software libre a Administración Dixital.

PUBLICIDADE