Rodríguez-Andina (UVigo), á fronte da IEEE Industrial Electronics Society

venres, 4 de decembro do 2015 Redacción

Juan José Rodríguez-Andina, profesor do Departamento de Tecnoloxía Electrónica (UVigo), vén de ser nomeado vicepresidente da Conference Activities da IEEE Industrial Electronics Society, sociedade inserida nunha entidade máis ampla, o IEEE ((Institute of Electrical and Electronic Engineers), que pasa por ser a meirande asociación profesional tecnolóxica do ámbito internacional, con máis de 400.000 membros traballando dende todos os recantos do mundo e cuxo lema compartido é “facer avanzar a tecnoloxía ao servizo da humanidade”. O profesor da Universidade de Vigo non é un acabado de chegar á dita asociación. De feito, leva dende 2013 á fronte da IEEE Industrial Electronics Magazine, en palabras da institución académica “unha das revistas de maior impacto a nivel mundial no eido da Enxeñaría Eléctrica e Electrónica”.
Os intereses profesionais dos integrantes do IEEE abranguen “un moi amplo espectro de áreas técnicas”, entre as que se atopan a enxeñaría eléctrica e electrónica, as tecnoloxías da información, as ciencias da computación ou a intelixencia artificial, entre outras. Esta é a razón, sinala a UVigo, de que o instituto se artelle en sociedades centradas cada unha dela nun eido concreto de traballo. Unha destas sociedades é a IEEE Industrial Electronics Society (IES), da que Rodríguez-Andina será vicepresidente nos vindeiros tres anos.
Esta sectorial organiza e promove actividades relacionadas coa aplicación dos sistemas de control intelixentes, robótica, comunicacións industriais e automatización da produción, adquisición e procesado de sinais eléctricas, sistemas dixitais avanzados ou electrónica de potencia. Dentro destas actividades, engade a Universidade, inclúese a publicación de revistas especializadas (que se atopan nos primeiros postos nos ránkings internacionais de calidade) e a organización cada ano de tres congresos mundiais de amplo espectro e outros de temas específicos. Segundo reflicte Rodríguez-Andina, “o maior evento mundial de Electrónica Industrial en 2007 foi a edición de ISIE celebrada en Vigo”, da que el foi coordinador. De maneira complementaria a sociedade IES promove actividades educativas, entre elas o curso de verán que se está a organizar para 2016 de forma conxunta entre a Escola de Enxeñería Industrial de Vigo e North Carolina State University.

PUBLICIDADE