Ryanair lanza guías de viaxes en liña de balde

venres, 28 de maio do 2010 Raquel Noya

Ryanair, a aeroliña de baixo custe que une as cidades galegas con distintos destinos europeos a un prezo bastante económico, vén de por en marcha máis de 100 guías de destinos en liña que se poden consultar de balde, e que lle facilitan aos pasaxeiros e pasaxeiras a información dos destinos máis coñecidos de Ryanair, así como tamén daqueles outros non tan coñecidos aos que nalgún momento soñamos con chegar.
Estas guías, foron elaboradas polos responsables de comunicación da compañía en colaboración cos especialistas dixitais en contidos de viaxes en liña, Frommer’’s® Unlimited, a división de negocio de Frommer’’s (un selo de marca de Wiley), os cales, sabedores de que as persoas viaxeiras perden horas investigando sobre un destino concreto na Rede, ofrecéronlle a posibilidade de atopar información de maneira rápida e concisa.
Os documentos en liña conteñen, entre outras cousas, información sobre as actividades e tours, a vida nocturna, as atraccións locais, os eventos actualidados de cada destino, etc, así como datos de interese sobre comidas e bebidas típicas de cada lugar, información dos aeroportos, tipo de clima...
As guías de destinos de Ryanair actualizaranse periodicamente para, segundo informan dende a compañía, permitirlle ás pequenas empresas locais “ofrecer excelentes ofertas de viaxes aos 73 millóns de pasaxeiros de Ryanair”; desta maneira, engaden, “o turismo local terá a oportunidade de medrar na mesma medida que o número de pasaxeiros da compañía”.
Ryanair ofrece na actualidade un total de 1.100 rutas e malia que son bastantes, os pasaxeiros buscan, cada vez máis, “viaxar a novos destinos interesantes”. Así o vén de afirmar o responsable da compañía, Stephen McNamara, que engadiu que as súas guías de destinos gratuítas en liña, “axudarán tanto aos novos viaxeiros como aos máis experimentados a decidir onde queren ir”.
Pola súa parte, Giles Longhurst, director de Frommer´s Unlimited afirma que con estas guías, “que conteñen os mellores eventos e a previsión do tempo, sempre hai unha boa razón para viaxar e para escollera as vacacións que mellor nos conveñan”.

PUBLICIDADE