SEALAB pon en xogo robótica para mellorar a calidade das nosas augas

xoves, 22 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

En abril comezou a coller corpo un ambicioso proxecto para empregar as máis avanzadas tecnolóxicas de análise de datos (Big Data) e robótica para mellorar a calidade das nosas augas. Trátase do proxecto SEALAB e nel participan profesionais da nosa terra: por exemplo os da empresa Imatia, achegando a súa ampla experiencia en Industria 4.0, plataformas de xestión, analítica de información e desenvolvemento de software.
O obxectivo de SEALAB, máis en detalle, é optimizar os servizos de estudo e seguimento de sustancias prioritarias en augas interiores “mediante o desenvolvemento e integración de nanosensórica robótica e sistemas avanzados de xestión de datos”. O proxecto está liderado por Indrops, e, ademais de Imatia, participa Industrias Ferri.
Nun plano aínda máis concreto, búscase dar forma a un novo servizo de seguimento da calidade das rías, os ríos e os mares baseado na posta en marcha dun laboratorio portátil a bordo dun vehículo de superficie non tripulado e de doado despregue. Segundo informa Imatia, o laboratorio incorporará nova sensórica baseada no uso de Tecnoloxías Facilitadoras Esenciais (Lab-on-a-chip) para a determinación de sustancias prioritarias, medida de parámetros físico-químicos auxiliares e toma de mostra automatizada. Terá capacidade para facer avaliacións in situ de todo tipo de parámetros físico-químicos, complementándose cun sistema de toma de augas que será integrado en embarcacións non tripuladas (USV).
O proxecto tamén se dirixe a mellorar o emprego de embarcacións non tripuladas (USV) para a monitoraxe das augas augas costeiras e de transición, optimizando parámetros como a propulsión, o posicionamento, as comunicacións e a navegación para, en palabras de Imatia, “dar resposta ás necesidades concretas do servizo e asegurar a representatividade das mostras”.
A maiores, SEALAB facilitará a empregabilidade do servizo con vistas ao usuario final, e farao coa posta en marcha de aplicacións software que faciliten a xestión das misións robotizadas e a visualización e interpretación dos datos recolleitos.
SEALAB pertence ao Programa Conecta PEME 2018, axudas para a realización de proxectos de I+D+i en colaboración entre empresas en áreas estratéxicas para Galicia. Está financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, e Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), con cargo ao programa operativo FEDER 2014-2020.

PUBLICIDADE