SITE reuniu na súa xornada sobre accesibilidade tecnolóxica a máis de 100 persoas

venres, 25 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A Sala de Innovación da Fundación CEL (SITE) celebrou onte un encontro dirixido a pór de manifesto a necesidade de acadar unha Sociedade do Coñecemento ceibe de atrancos e universal. Máis polo miúdo, a sala emprazada en Lugo promoveu a xornada Tecnoloxía: Ferramenta para a integración, xuntanza inserida dentro do programa Proxecto EmprendeTIC 2010 e que contou co apoio de COGAMI en labores de organización. A xornada, que incluíu seis relatorios e demostracións prácticas de tecnoloxías adaptadas para usuarias e usuarios con diversidade funcional, foi quen de reunir a máis dun centenar de persoas das máis variadas procedencias (empresarial, social, institucional, solidaria, etc). Xa nun eido máis concreto, o encontro serviu para dar conta de produtos e servizos que permiten meirande accesibilidade para os devanditos colectivos, tanto no eido empresarial como no do lecer persoal.
A xuntanza, que se desenvolveu no salón de actos da Facultade de Humanidades, comezou cun acto oficial de apertura no que participaron o presidente da Fundación CEL, Luis García Santalla; o presidente de COGAMI Galicia, Anxo Queiruga Vila; o vicerreitor do campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o director do Proxecto InnovaTE da Deputación, José Enrique Rodríguez Coello; a concelleira de Servizos Xerais, Luisa Zarzuela González; e a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella.
Segundo informa SITE, pola mañá desenvolvéronse catro relatorios. O primeiro veu da man do subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Modesto Rouco Vilar, quen afondou nos apoios públicos para o deseño de ferramentas accesibles ou que fomenten a accesibilidade. Pola súa parte, Enrique Varela Couceiro, presidente da Fundación Tecnoloxía Social (da que falamos onte en Código Cero), falou en Lugo de O Camiño dos Satélites, unha iniciativa que promove a inclusión tecnolóxica das persoas con diversidade funcional e faino a través dun escenario de primeira liña, o Camiño de Santiago, a percorrer co apoio de audioguías, GPS e roupa e calzado tecnolóxico.
A terapeuta ocupacional de COGAMI, Cristina Novo Díaz, deu unha visión da súa experiencia cotiá cos traballadores con discapacidade da aula de novas tecnoloxías do centro de Fingoi. As dúas charlas que pecharon a xornada de mañá serviron para explicar os proxectos de integración sociolaboral das persoas con discapacidade que están impulsando a Fundación Orange (Proxecto INTIC) e a Fundación Vodafone (Proxecto Inredis). Pola tarde, Manuel Meijide (Fundación Averhó) falou da formación especializada para a mocidade con diversidade funcional, formación que se centra sobre todo nas novas tecnoloxías e no audiovisual. Logo, Gil Barrero Llano, xerente de Sistemas Adaptados para Mobilidade e Independencia e delegado na zona noroeste de BJ Adaptacións, afondou nas solucións integrais que fabrican e/ou distribúen as firmas entre este colectivo.
O sorteo entre o público dun netbook con software adaptado, patrocinado por SCA Informática, clausurou esta primeira xornada do ETIC 2010.

PUBLICIDADE