SIVSA amosou tecnoloxía de seu na Universidade de Mondragón

martes, 23 de febreiro do 2016 Redacción

O pasado mes de xaneiro, o 20 e 21, a Escola Politécnica de Enxeñaría da Universidade de Mondragón acollía a I Xornada Técnica de Sistemas de Información e Arquitectura Hospitalaria. Os relatores foron profesionais no eido dos sistemas de información na sanidade, empresas do ámbito da eSaúde como o Grupo Hospitalario Quirón, General Electric Healthcare IT, Siemens Healthcare, LKS, S. Coop, Conasa, Olympus, Enero Arquitectura, Aidhos arquitect, Gesmédica e SIVSA. En canto á empresa viguesa SIVSA, dicir que participou o director da área de negocio de sanidade, Diego García Trigo, quen interveu no relatorio sobre os Sistemas de Información Hospitalarios (HIS), onde SIVSA é experta posto que posúe o seu HIS, HOSIX, dende o ano 1990.
Este HIS, sinalou SIVSA na xornada, foi evolucionando coas novas tecnoloxías e a innovación en procesos sanitarios, até converterse na actualidade nun sistema de información sanitaria implantado en máis de 30 hospitais, en 6 países e con máis de 25 módulos.
O programa das xornadas tratou sobre os seguintes temas: Sistemas de Información Hospitalarios (polas súas siglas en inglés HIS), solucións informáticas departamentais, solucións diferenciais nos distintos ámbitos, futuro dos sistemas de información, organización funcional de hospitais, experiencias arquitectónicas en hospitais de xestión privada e experiencias arquitectónicas en hospitais de xestión pública.
Por último, engadir que a empresa SIVSA ostenta xa o selo de PEME Innovadora concedido pola Dirección Xeral de Innovación e Competitividade do Ministerio de Economía e Competitividade. Recoñecemento público ao desenvolvemento de proxectos innovadores no sector TIC e unha demostración do carácter innovador de SIVSA.

PUBLICIDADE