SIVSA e Coremain participan nunha expedición innovadora a Polonia

venres, 13 de setembro do 2019 Redacción

Polonia, ao abeiro do Cumio Rexional e de Diplomacia Económica Europea, está a recibir esta semana a visita dun grupo de empresas galegas innovadoras: unha Learning Expedition (LEX) ao devandito país organizada polo Clúster da Saúde da Galicia. Na estadía polaca están a participar empresas relevantes do noso sector tecnolóxico máis punteiro, como SIVSA e Coremain, amais da Consellería de Sanidade, Severiano Servicio Móvil e outras entidades.
Da man do dito departamento da Xunta de Galicia, precisamente, as empresas TIC mantiveron reunións con diferentes axentes do sector sanitario de Polonia para analizar e valorar posíbeis oportunidades de colaboración e proxectos europeos en materia de xestión hospitalaria, un ámbito que se atopa entre os principais ámbitos de actuación de SIVSA e Coremain.
Durante este cumio, inaugurada o pasado luns polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o Clúster Saúde de Galicia asinará, xunto a outras agrupacións empresariais, un acordo para establecer a Alianza Europea de Clústeres (ECA), a través da cal os socios poderán manter conexións e sinerxías con axentes doutros países e comunidades.

PUBLICIDADE