Sadiel deseña un software libre para reducir o consumo enerxético na oficina

martes, 20 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Agora que todas e todos estamos máis obrigados ca nunca a contribuír a frear na medida do posible o efecto invernadoiro (non vale o de que un coche máis, o noso, non se vai sequera notar), semella axeitado ir esculcando nos recursos que nos ofrece a Rede en materia de aproveitamento enerxético. Unha boa cantidade destes recursos, conta estes días a web de CENATIC e Mancomún, veñen dende o eido das novas tecnoloxías da información, e máis concretamente dende o ámbito das ferramentas abertas. Por exemplo a achega da empresa andaluza Sadiel: un software libre que de maneira automática apaga os equipos informáticos que estean prendidos coa finalidade de aforrar quilovatios de enerxía e, ao mesmo tempo, contribuír á redución de gases CO2 na atmosfera.
Trátase dun programa que parte dunha innovación para o eido interno da empresa Sadiel (que traballaba á procura de métodos que lle axudasen a rendibilizar recursos), dándose agora a coñecer ao tecido empresarial por enteiro. A firma responsable puntualiza que non se trata nin moito menos dun sistema invasivo. De feito, engade, os traballadores que teñan horarios distintos dos do resto do equipo ou que queiran manter o seu equipo prendido durante as horas nas que os demais se apagan teñen a opción de facelo coa autorregulación. O aplicativo é compatíbel cos sistemas operativos Linux e Windows.

PUBLICIDADE