Sae á venda MouseCraft

mércores, 9 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Hoxe chegou á tenda de descargas de Sony o agardado xogo MouseCraft para PS4, PS3 e PS Vita a un prezo de 10,99 euros (que dende onte xa estaba dispoñible para PC en Steam por 12,99 euros) cubrindo esa grande demanda de xogos de quebracabezas, que son especialmente benvidos en plataformas como a PS Vita.
Este xogo de Crunching Koalas e Curve Studios está considerado como unha mestura entre Tetris e Lemmings, e consiste en colocar bloques de tetrominó para axudar aos ratos a chegar ao queixo ao longo de numerosos niveis. A súa estética tamén é moi rechamante, cunha aparencia de debuxo animado na que, aparte dos ratos, veremos a un científico tolo felino (Schrödinger), que é o que busca empregar aos ratos como fonte de enerxía, e que traducirá a sucesión de fases nunha experiencia conexa que animará a superar os seus 80 niveis.


Trailer de lanzamento de MouseCraft

PUBLICIDADE