Sae á venda o agardado FX Fútbol

xoves, 9 de maio do 2013 Marcus Fernández

O retorno espiritual do clásico PC Fútbol chega ás tendas, e por fin podemos mercar por 19,95 euros o xogo FX Fútbol, que polo mesmo prezo inclúe FX Calcio de agasallo, como un retorno pola porta grande dun xogo moi querido polo público español, que presume de ser un mánager de fútbol áxil, potente e divertido, de xeito que a decisións que se tomen nas partidas terán incidencia real no xogo.
O usuario deberá elixir o once inicial, decidir as tácticas, axustar o estilo de xogo, realizar fichaxes, promocionar xogadores da canteira, gañar novas Pro-Cards, ampliar o estadio, contratar axudantes que melloren o rendemento dos futbolistas e, en definitiva, crear uns equipos realmente únicos.
Conta con 2 modos de xogo (Mánager e Desafío), 11 competicións nacionais e internacionais, 162 equipos de toda Europa, 4.336 xogadores... un sistema de toma de decisións intelixente e un sistema de cámara durante os encontros co que, cando se deciden os partidos, entra en xogo a eCam (emotion camera).
Dado que este título estréase cando a tempada de fútbol chega á súa fin, os usuarios de FX Fútbol poderán descargar en setembro totalmente de balde a tempada 2013/2014, con novos equipos, novos xogadores, novos retos...
Aínda que o xogo poida recibirse con moita ilusión por parte de moitos usuarios, cómpre destacar que non está á altura do que o público agarda, pois estamos ante a primeira entrega do que pretende ser unha franquía, sendo máis básico que as últimas versión de PC Fútbol, contando cuns gráficos máis que mellorables, carecendo das licenzas dos clubs de fútbol... ou sexa, un xogo que pode resultar divertido (especialmente para os incondicionais da súa saga predecesora) pero que precisa unha certa maduración para poder competir seriamente con títulos máis sólidos como o Football Manager de SEGA ou o FIFA Manager de EA.

As nosas decisións afectarán directamente ao xogo


Reportaxe de TVE sobre FX Fútbol

PUBLICIDADE