Sae de Roncesvalles a iniciativa xacobea a favor da tecnoloxía accesible: O Camiño dos Satélites

luns, 4 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Indurain, Varela e Zubiri, no comezo da viaxe

Este luns 4 de outubro parte dende Roncesvalles a xira do Camiño dos Satélites, un percorrido que ten como obxectivo reivindicar unha sociedade dixital para todas e todos e que está previsto que chegue a Santiago de Compostela o vindeiro 4 de novembro. Na xira participan un grupo de peregrinos con diversidade funcional que contarán para o seu desprazamento con todo tipo de recursos tecnolóxicos, entre os que se contan GPS, audioguías e outros trebellos que se irán incorporando devagar, sendo a súa finalidade facilitarlles a estas persoas a realización do camiño.
Ademais, veñen acompañados de guías, técnicos, xornalistas, cámaras, fotógrafos e persoal da organización, constituíndose un grupo de 50 persoas.
Por certo que a iniciativa vén apadriñada polo cantante invidente Serafín Zubiri, que presentará para a ocasión un tema musical pendente de estrea, Unha liña no ceo, o himno oficial do evento. Apoiando a proposta tamén fará acto de presenza o ciclista Miguel Indurain, que percorrerá cos integrantes da xira a etapa Roncesvalles-Zubiri, facendo fincapé nos principios solidarios e sociais que animan a proposta.
Na xira, de igual maneira, participa o galego Enrique Varela, presidente da Fundación Tecnoloxía Social (FTS), que é, xunto con AGESTIC, a promotora da iniciativa.
Seguindo conta a Fundación, de xeito paralelo ao camiño, organízase unha exposición móbil de produtos tecnolóxicos dirixidos a persoas con diversidade funcional, aberta ao público en xeral en tódalas comunidades autónomas por onde vai discorrendo a xira. A primeira cidade en que se poderá visitar é Pamplona, onde ficará no parque Antoniotti do 3 ao 6 de outubro.
A iniciativa conta co apoio de diferentes organismos oficiais, entre os que podemos salientar á Xunta de Galicia, o Xacobeo 2010, a Fundación Vodafone, o Concello de Logroño, a Fundación Logroño Turismo, Innovalley, Calzados FAL, Tenyus, SocialWare e Groupama Seguros.
Entre as cuestións a tratar durante o camiño inclúense as seguintes: o uso de GPS para orientarse, as posibilidades da web 2.0, o potencial das redes sociais, os códigos BIDI e outras tecnoloxías emerxentes.

PUBLICIDADE