Saen á venda os libros de Harry Potter en formato electrónico

martes, 27 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Os libros están dispoñibles dende distintos dispositivos

Tras unha longa espera, a escritora J.K. Rowling vén de pór á venda a través da páxina web Pottermore os libros de Harry Potter en formato electrónico a prezos de entre 5,98 e 8,37 euros cada un (ou 46,28 euros a colección completa), estando tamén dispoñibles como audiolibros a prezos de entre 21,55 e 39,51 euros cada volume (ou 200,42 euros as 7 obras). En ambos casos falamos da edición en inglés da obra (aínda que avisan de que en breve estarán dispoñibles en francés, alemán, español e italiano), que chega en formatos compatibles coa meirande parte de eReaders do mercado, así como de tablets, smartphones e reprodutores de MP3.
Aínda que os e-books de Potter comercialízanse en formato EPUB buscando a mellor compatibilidade posible cos dispositivos de lectura actuais (aínda que por desgraza optan pola súa versión con DRM, o que dificulta bastante a súa adquisición), non esquecen a Amazon e tamén ofrecen unha versión adaptada a dispositivos e aplicación da plataforma Kindle. Nalgúns países tamén é posible realizar a descarga dos textos a través das plataformas do NOOK (Barnes & Noble) e do Sony Reader, así como mediante o Google Play para dispositivos con Android.
As adaptacións a dixital dos libros do neno mago contan cun formato coidado e conservan as ilustracións orixinais das súas edicións impresas, sen incorporar contidos adicionais, aínda que parece probable que no futuro aparezan versións enriquecidas con vídeo e outras características.

PUBLICIDADE