Samsung potenciará o xogo en streaming nos seus televisores

luns, 3 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Case todos os modelos de televisores Samsung Smart TV 2022 contarán coa integración da nova plataforma Samsung Gaming Hub, que facilita o acceso a xogos en streaming, ou sexa, que grazas á colaboración con nVIDIA, Google Stadia e Utomik será máis doado gozar de grandes videoxogos sen a necesidade de adquirir unha consola de videoxogos ou un ordenador de alta gama, valéndose do xogo na nube directamente dende o televisor.
Con GeForce Now de nVIDIA pode accederse a un grande catálogo de xogos de ordenador (que hai que adquirir por separado), mentres que Utomik ofrece unha selección de máis dun milleiro de títulos de fondo de catálogo mediante subscrición (e aposta polo xogo híbrido, permitindo que os xogadores cambien de dispositivo segundo onde lles conveña mellor xogar). Google Stadia, pola súa banda, é unha plataforma en si mesma, que aínda ten un catálogo bastante limitado, pero que xa agora pode resultar atractiva para os que busquen grandes xogos sen ter que facer o investimento de adquirir unha consola física, e que queiran ter a posibilidade de xogar en diferentes dispositivos.
Por desgraza, o Samsung Gaming Hub, que chegará a través do novo menú dos vindeiros televisores de Samsung, non chegará a España até o terceiro trimestre do ano.

PUBLICIDADE