Samsung presume da resistencia do GALAXY Note 4

xoves, 2 de outubro do 2014 Marcus Fernández

En vista do rebumbio ao redor dos novos iPhone 6 e a súa susceptibilidade a dobrarse polo seu deseño metálico, grande tamaño e reducido grosor, Samsung quixo aproveitar o momento e non só pór a venda antes que a ferida, senón incluso gañar posición, de xeito que amosa en vídeo as probas coas que comproban a resistencia dos GALAXY Note 4, que pese a ser grande, delgado e lixeiro, consegue demostrar a súa resistencia.
O vídeo no que deixan ver como se proba a resistencia do novo smartphone descríbeno como Samsung GALAXY Note 4 vs. The Human Gluteus Maximus, deixando ver así como someten ao tabletófono a probas que simulan como unha persoa de cen quilos de peso senta enriba do terminal varios centos de veces. Tamén comproban que tras someterse á típica proba de presión en tres puntos cun peso de 25 quilos, o dispositivo pasa a proba sen problema (o que non debería sorprender, pois é precisamente a mesma proba que superaron os terminais de Apple).
Dende Samsung defenden que o marco metálico e o soporte de magnesio do GALAXY Note 4 traballan en conxunto para conseguir que o novo dispositivo sexa moi resistente. Haberá que agardar se unha vez que chegue masivamente ao mercado confírmase esta resistencia, aínda que tendo en conta que o GALAXY Note 3 é un dos tabletófonos máis resistentes do mercado, non debería sorprender que fose así.


Vídeo no que defenden a resistencia do GALAXY Note 4

PUBLICIDADE