San Teleco supera o mal tempo con torneos, xeiras de videoxogos, churrascada e espírito solidario

xoves, 3 de outubro do 2013 Redacción

Pola banda de Vigo están de festa. Máis polo miúdo pola banda da Escola Enxeñaría de Telecomunicación, onde comezaron este mércores as actividades da festa dos seus estudantes, San Teleco, celebración que este ano vén máis que nunca con feitura de romaría popular, cinguíndose dous mundos non tan contrapostos como moitos cren: o mundo das canles innovadoras de comunicación e o da xuntanza campestre tipicamente galega. Finalmente estanse a dar cita nas diversas actividades centos de mozas e mozos, e iso que na súa contra teñen unha cousa a ter moi en conta: o mal tempo. Con todo, houbo marxe para o humor na adversidade, cousa por outra banda tipicamente nosa, e que se resume coa seguinte frase dos organizadores: “Por sorte, e tras cinco anos, case non chove”.
A festa comezou coa procesión dos mecos, deseñados polos alumnos e alumnas do primeiro curso, desta volta ca feitura dos protagonistas da película de Pixar, Wall-E, e ao son da música de Cé Orquestra Pantasma. De menú houbo cousas tamén moi nosas: churrasco, chourizos asados, polbo, empanada, bocadillos e para entreterse xogos, por exemplo, para buscar parella.
Con todo, e segundo nos lembra a UVigo, a celebración de San Teleco arrincou xa hai varias semanas cos tradicionais campionatos deportivos de fútbol 7 e baloncesto 3x3, ademais dos torneos de videoxogos como League of Legends, Guitar Hero ou Mario Kart e de cartas. Rubén Suárez, un dos membros da organización que este ano compoñen arredor de 12 alumnos e alumnas, explicou ao departamento de prensa da UVigo que a idea foi deseñar un programa de actividades máis aló da festa para que “a xente faga cousas, se divirtan e non estean sentados”. Neste sentido a Delegación de Alumnos da EE de Telecomunicación contou coa colaboración da Asociación Trabalingua na organización de xogos tradicionais galegos, como a billarda e o tres en raia humano. Membros da Liga Sur de billarda desenvolveron un obradoiro e un torneo aberto para todos aqueles interesados neste deporte.
Volvendo ás actividades previstas, dicir que terán prolongación esta semana (máis torneos e accións de lecer, ao aire libre sempre que o temporal o permita) e no mes de novembro cunha chocolatada solidaria. Esta iniciativa, que xa desenvolveron os alumnos o pasado curso, ten como obxectivo recadar fondos para o Banco de Alimentos.

PUBLICIDADE