Sancionan a unha compañía chinesa por plaxiar o xogo Hearthstone

luns, 10 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O xogo dixital de cartas coleccionables Hearthstone, está a ter un grandísimo éxito a nivel mundial nas súas versións para Windows, OS X e iPad (en breve contará con versión para tabletas Android) superando os 20 millóns de usuarios rexistrados, de aí que non sorprenda que xurdan outros xogos que pretendan aproveitar a situación para facerse un sitio no mercado, o que nalgún caso parecía ser demasiado descarado, chegando a superar o plaxio, o que podería ter serias consecuencias, xa que aseguran que unha compañía chinesa terá que indemnizar a Blizzard por copiar o seu xogo.
Ao parecer, Crouching Dragon Legends de Unico Interactive é un plaxio tan descarado de Hearthstone que as autoridades chinesas terían decidido que a compañía teña que indemnizar a Blizzard e a NetEase (socio chinés da compañía norteamericana) con 10 millóns de iuans chineses (1,3 millóns de euros).
O clon de Hearthstone foi expulsado de varias tendas de aplicacións, como a App Store, e Unico comprometeuse a compensar aos xogadores que investisen cartos no xogo. O título denunciado parecía ser idéntico á obra orixinal, limitándose a mudar a súa aparencia gráfica (aínda que chegando incluso a ter un logotipo semellante para atraer aos xogadores), e por unha vez, este tipo de comportamento non quedou sen castigo, de xeito que podemos atoparnos ante un panorama no que a copia descarada de videoxogos xa non se ve coa tolerancia á que estabamos afeitos.

Unico tería plaxiado descaradamente o xogo Hearthstone, tanto en mecánica de xogo como en aparencia

PUBLICIDADE