Sanidade facilita a descarga do certificado de vacinación da COVID en formato Passbook

venres, 13 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Nas últimas semanas converteuse en habitual levar no móbil unha copia en formato PDF do Certificado COVID Dixital da UE para acreditar ter recibido a pauta completa da vacina contra a COVID-19, e aínda que no caso galego a canle habitual para conseguir o documento é a aplicación móbil ou páxina web do SERGAS, está a gañar adeptos a solución que estreou esta semana o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, xa que o seu mecanismo para facerse co certificado europeo de vacinación, aparte de permitir a descarga do documento en formato PDF, tamén permite indicar un número de teléfono no que recibir unha mensaxe de texto cunha ligazón ao documento en formato Passbook (.pkpass).
Os documentos en formato Passbook poden instalarse automaticamente na aplicación de Apple Pay dos móbiles iPhone, mentres que nos dispositivos con Android hai outras aplicacións para a xestión destes documentos moi habituais para acceder a salas de cine e de concertos, como WalletPasses, Pass2U Wallet ou Pass2Pay.
As vantaxes de levar os certificados (e outros billetes para acceder a recintos) dentro dunha aplicación móbil con soporte de Passbook son evidentes, xa que gardan estes documentos de xeito organizado e, no momento de ter que escanear o código QR, con só premer sobre o mesmo colócaos en grande tamaño na pantalla e incrementa o nivel de brillo para facilitar o seu recoñecemento óptico.

PUBLICIDADE