Santa Comba recupera o seu pasado na Rede

luns, 6 de maio do 2013 Redacción

O Programa de Voluntariado Dixital e o Concello de Santa Comba están a colaborar para a recuperación, pola vía das novas tecnoloxías, eo pasado do concello dende o ano 1900 en adiante. A materia visíbel deste proxecto témola nunha web cuxo nome fala por si só de cales son os seus obxectivos: santacombanamemoria.es. Trátase dunha páxina dende a que se fai un percorrido pola historia do concello da comarca do Xallas, labor que se apoia principalmente na recollida e presentación dunha inxente cantidade de fotografías: até 5.000 imaxes das xentes, as rúas, a paisaxe e os principais acontecementos dun século de historia en Santa Comba.
Esta iniciativa foi posíbel grazas ao traballo dun voluntario do Programa de Voluntariado dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co concello e coa imprescindíbel achega dos 400 veciños e as empresas do municipio (encargados non só de fornecer o proxecto coas súas imaxes, senón tamén do traballo de escaneado e de etiquetar e engadir comentarios aos milleiros de documentos gráficos que finalmente subministraron). O resultado, informa AMTEGA, é “unha páxina web que nace co obxectivo de manterse viva nutríndose coas achegas dos xalleiros e grazas a José Luis Varela Martínez, administrador de redes e sistemas informáticos e voluntario dixital do Programa da Xunta que transformou un vello proxecto do Concello en realidade”.
Os visitantes, engade a Axencia, atoparán a traxectoria do municipio ao longo do século XX clasificada por temas: A historia de Santa Comba coas lendas, os comezos da banca e o patrimonio artístico compoñen un dos principais apartados da web, ao que cómpre engadir a mina de Varilongo (que converteu ao concello nunha das principais zonas mineiras de Wolframio desde a II Guerra Mundial ata mediados dos anos 60), así como os edificios, os vehículos, as rúas e os personaxes emblemáticos do concello ao longo do pasado século.

PUBLICIDADE