Santiago acolle até o venres un congreso TIC con 250 especialistas

mércores, 24 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

Foto de Santi Alvite do público asistente á xuntanza na Facultade de Medicina da USC

Tal e como anunciamos hai un tempo, Santiago no mes de xuño, amais de centro turístico de primeira orde, ía camiño de converterse tamén en lugar de encontro dos máis prestixiosos tecnólogos da contorna. Segundo informa a Universidade de Santiago, este novo traxe que se pon a capital galega non lle vén nin un chisco grande, e disto xa se están a rexistrar probas abondas: a xuntanza internacional celebrada estes días sobre neurociencia e computación foi todo un éxito, sendo semellante o camiño que vai trazando o congreso anual da asociación European University Information Systems (EUNIS) que reúne na cidade a máis de 250 especialistas. O encontro, que fica aberto até o 26 na Facultade de Medicina, pasa por ser o de maior repercusión a nivel europeo no eido da investigación nas novas tecnoloxías do coñecemento. O seu obxectivo é ser un punto de intercambio das experiencias máis salientables das novas ferramentas no eido da educación superior.
A xuntanza está organizada pola USC e entre os seus participantes atópase unha boa parte dos responsables dos departamentos TIC das universidades europeas (preto de 28 países representados). Asemade, tamén están a concorrer na xuntanza investigadores de Estados Unidos, Perú, Australia e Israel.
O encontro, que foi inaugurado este mércores polo reitor Senén Barro, contou na sesión de apertura coa presenza do presidente de EUNIS, Jean-Francois Desnos, e máis da secretaria do Consello de Universidades, Carmen Fenoll. Asemade, tamén interviñeron na sesión de hoxe representantes da Comisión Europea, como por exemplo Franco Accordino, representante da Dirección Xeral da Sociedade da Información, para quen está claro que a UE do futuro terá nas infraestruturas dixitais (arestora en desenvolvemento) algo máis que un novo formato de comunicación: será en boa medida coma se a comunicación volvese nacer. Neste senso, as novas canles tecnolóxicas serán o espazo por excelencia no que se asente e erga a Europa do coñecemento.
Polo que respecta ás sesións plenarias incluídas no programa, o congreso contará os vindeiros días con relatores como o vicepresidente de Educause e fundador de Ecar en Estados Unidos, o director do Centro de Supercomputación de Edimburgo, ou Louis Pouzin, un dos pioneiros dos protocolos de Internet. Xunto eles, tamén figuran Andreu Vea, pioneiro de Internet e impulsor do proxecto Who is who in the Internet ou Miguel Álvarez, representante do proxecto europeo Stork, que persegue a estandarización dun sistema que posibilite a validación das credenciais dos usuarios a nivel europeo.
Segundo conta a Universidade de Santiago, entre as experiencias que se poderán coñecer de primeira man ao longo destes días en Compostela cómpre salientar os ligados ao emprego das redes sociais 2.0 no eido da Universidade, ferramentas de gravación de contidos multimedia de apoio á docencia, aplicacións semánticas de busca na web, arquitecturas de novos sistemas integrados de información ou xogos virtuais de negocio e outros aplicados á docencia.

PUBLICIDADE