Santiago acolle en xullo un encontro sobre financiamento de capital risco para o noso sector TIC

martes, 22 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O Cluster TIC de Galicia e a plataforma empresarial de innovación Vindeira veñen de anunciar a convocatoria dunha xornada dirixida a dar a coñecer novos xeitos de obtención de investimento para o noso sector tecnolóxico-dixital. Trátase do I Encontro Vindeira Capital Network, un evento programado en Santiago para os días 6 e 7 de xullo e que ten por obxectivo fomentar novas e frutíferas relacións coas máis importantes entidades de capital risco de España dentro do tecido produtivo TIC.
Segundo comentan os responsables da xuntanza (Cluster TIC-Vindeira), procurase ao longo da mesma darlle a coñecer ao noso tecido empresarial a máxima cantidade posible de co-investidores potenciais, amais de facilitar todo tipo de recursos para atraer o seu interese e acadar así roldas de financiamento de empresas tecnolóxicas locais ou de novos proxectos empresariais.
O encontro, ao que se prevé asistan unhas 50 entidades (entre emprendedores e investidores), servirá como punto de partida para pór en marcha o proceso de creación dunha estrutura de Capital Risco estable para o sector galego.

PUBLICIDADE