Santiago aproba a licitación do servizo que implantará na cidade sinalética intelixente

martes, 30 de maio do 2023 S. P.

O Concello de Santiago aprobou o expediente de contratación do servizo de implantación do sistema de sinalética intelixente do patrimonio cultural da cidade, cuxo obxectivo principal é a posta en valor do destino para a mellora da experiencia turística das persoas que visitan Santiago de Compostela (a través do uso dos dispositivos móbiles dos visitantes). Intégrase no Plan de Sustentabilidade Turística, co-financiado entre o Concello de Santiago, o Ministerio de Industria do Goberno Central e a Xunta de Galicia.
O Servizo de implantación e posta en funcionamento dun sistema de sinalización intelixente do patrimonio cultural da cidade sae a licitación cun orzamento de 597.539,49 euros (IVE incluído). Os traballos que se levarán a cabo contemplan a redacción dun plan de sinalización turística do patrimonio cultural, a implantación dun sistema de información turística e o subministro e instalación de novos elementos de sinalización intelixente.
Nas bases especifícase que as tarefas de planificación terán un carácter integral e incluirán no seu alcance a toda a sinalización turística do concello, para a que se fará unha análise da situación actual, unha xerarquización das principais necesidades e un plan de localización e deseño de novos sinais.
A instalación dos novos elementos de sinalización intelixente cinguirase á contorna urbana definida no plan especial de protección e de rehabilitación da cidade histórica.
Este tipo de sinalización constitúe unha tecnoloxía transversal que permite captar toda a información que rodea ao turista, a Realidade Virtual ou a Aumentade, e que posibilita achegarlles novas experiencias tanto na fase de preparación da viaxe como durante a mesma.

PUBLICIDADE