Santiago comeza o proceso para transferir Tropa Verde a outras cidades europeas

xoves, 14 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Santiago vai exportar a súa iniciativa de premios á cidadanía pola súa responsabilidade ambiental a outras cidades europeas. Así se fixo saber onte nunha xuntanza celebrada en Budapest: a primeira reunión da Rede de Transferencia do programa europeo Urbact que lidera o Concello de Santiago, a través do programa Tropa Verde. Segundo vén de informar o Goberno compostelán, ao longo de medio ano a rede tentará captar novas urbes para “unirse” á súa comunidade green: cidades de Hungría, Polonia, Francia ou Portugal (Guimarães). Lembrar que Santiago lidera unha das 25 redes de Urbact, de intercambio de recursos para o desenvolvemento urbano sustentábel e integrado, a través do proxecto Tropa Verde.
Como lembraremos, Tropa Verde é unha iniciativa ecolóxico-tecnolóxica de Compostela, impulsada en 2015 polo Concello de Santiago e pola empresa local Teimas para recoñecer e recompensar con premios concretos o compromiso da cidadanía co medio ambiente e coa xestión sostíbel de refugallos (electrónicos e eléctricos, pero tamén de outros moitos tipos). O programa, que celebrou os días pasados o seu terceiro aniversario, tamén ten presenza activa en Lugo, Ames, Redondela ou Porriño.
Para facernos unha idea dos logros acadados pola iniciativa en Santiago, coa colaboración dos centros socioculturais do concello e dos puntos limpos de Compostela, conseguíronse xa 3.000 usuarios da Tropa Verde SCQ, 1.500 recompensas repartidas, máis de 10.000 cheques trocados por estrelas e un galardón, o Premio R de Ecoembes 2016 (na categoría de mellor campaña de sensibilización das administracións públicas) que non fixo máis que darlle novos azos á iniciativa.

PUBLICIDADE