Santiago contará con novo portal, nova intranet e novo equipamento de telecomunicacións

luns, 22 de xaneiro do 2018 Redacción

O Concello de Santiago vai investir 1,2 millóns de euros en cinco vertentes do ámbito da Administración Electrónica, ou sexa, 1,2 millóns de euros a prol dunha relación máis estreita, activa e eficiente entre Administración local e a cidadanía a través das novas tecnoloxías da información. Estes cinco eixes son: un novo portal web e intranet municipal, nova infraestrutura de telecomunicacións, equipamento de servidores, postos de traballo informatizados para a Administración Electrónica e un sistema de dixitalización certificada e de xestión documental.
Estas liñas de traballado foron debulladas o pasado 19 de xaneiro polo concelleiro Xan Duro, logo da inclusión na EDUSI (Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado), por parte do Goberno local, do proxecto local de infraestrutura TIC para a eAdministración, de cara á súa tramitación ante o Ministerio de Facenda. Segundo fixo saber, estas medidas son froito da “decidida aposta que ven facendo o Goberno de Compostela pola modernización da administración municipal, que ao tempo facilitará tamén os retos da transparencia e o bo goberno”. Ao fío disto, lembrou que xa comezou o procedemento de adxudicación da plataforma da eAdministración, financiada con fondos propios, e que para a súa implantación precisará da infraestrutura TIC que se incorpora á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado.
As medidas a tomar, polo miúdo
Xan Duro, edil de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, explicou que a operación que se incorpora á EDUSI conta con cinco liñas de traballo. A primeira está relacionada coa posta en marcha dunha nova web e dunha intranet municipal, á que se destinarán 150.000 euros, e que estará “concibida como unha plataforma única que recolla todos os servizos e información relevante tanto para o funcionamento interno do Concello como para a cidadanía”.
En segundo lugar, contémplase a implantación dunha nova infraestrutura de telecomunicacións, cun orzamento de 275.000 euros, e “que permitirá habilitar ata 70 puntos Wi-Fi unificados na institución municipal”.
A terceira das medidas é o subministro dunha nova infraestrutura de servidores, á que se destinarán 190.000 euros, co obxectivo de “garantir a capacidade que precisará o Concello de Santiago para as novas aplicacións que se irán implantando”.
Por último, prevese a renovación dos postos de traballo informatizados para a plataforma da eAdministración, cun investimento de 525.000 euros; e a posta en marcha dun sistema de dixitalización certificada e xestión documental que custará 60.000 euros.

PUBLICIDADE