Santiago contará cun centro tecnolóxico para impulsar o emprego

luns, 18 de xuño do 2018 Redacción

O Concello de Santiago anunciou a semana unha importante iniciativa para impulsar “o emprego de calidade”. Trátase do Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, un proxecto cun orzamento de 320.000 euros (dos que 256.000 procederían de fondos europeos FEDER e o resto do Concello) e que ten como obxectivo fornecer de maneira continua “servizos que melloren as condicións de empregabilidade das persoas en situación de desemprego”, e fomentar “a creación de postos de traballo estábeis e de calidade”. Estes datos foron achegados pola concelleira María Rozas, alcaldesa en funcións.
Segundo fixo saber máis en detalle, ao abeiro do centro quérese crear unha incubadora de procesos colaborativos e do Observatorio da Innovación Social, así como impulsar a execución de teses, traballos fin de grao e traballos fin de máster ligados ás áreas de traballo actuais que mostran meirande potencial de creación de emprego, tanto en cantidade como en calidade.
Rozas tamén engadiu que o labor do CETEC estará vinculado á Mesa polo Emprego de Santiago, e o obxectivo do Concello é que permita "intensificar a colaboración coas entidades vinculadas ao ámbito laboral, tamén a Universidade de Santiago".

PUBLICIDADE