Santiago e A Coruña poñen en marcha a súa plataforma compartida de goberno aberto

venres, 20 de xaneiro do 2017 Redacción

Onte tiña lugar en Zaragoza a primeira xuntanza da comisión de seguimento da Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperábel, da que forma parte o Concello de Santiago, xunto co de Madrid, A Coruña e Zaragoza. Estamos a falar dun dos catorce proxectos beneficiarios da II Convocatoria de Cidades Intelixentes, da Axenda Dixital para España, e conta cun investimento de 2.090.461,80 euros, dos que achegará un 60% o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, e un 40% os catro concellos que impulsan a iniciativa. Cómpre engadir que estas propostas cofinanciaranse a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Así, este primeiro encontro xorde do convenio feito polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o coordinador xeral de Alcaldía do Concello de Madrid, Luís Cueto; a segunda tenente de alcalde do Concello de Zaragoza, Elena Giner; a concelleira de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña, Claudia Delso e o director xeral de Red.es, José Manuel Leceta.
De falarmos de obxectivos, a dita Plataforma de Goberno Aberto, Colaborativa e Interoperábel ten como finalidade o desenvolvemento pleno das políticas de goberno aberto nas cidades participantes empregando para iso avances tecnolóxicos dos datos abertos (creación e despregamento de infraestrutura tecnolóxica, adaptación de bases de datos, procesos de carga e indexación e APIs); propostas cidadás (deseño de procesos de participación, xeración e implantación de software de xestión de propostas, software de votación, sistema de xestión de votacións, difusión e capacitación, avaliación de proceso…) e transparencia (con portais de transparencia enlazados con datos abertos).

PUBLICIDADE