Santiago e as Cidades Patrimonio estrean páxina web e aplicación móbil

luns, 25 de xaneiro do 2016 Redacción

A pasada semana (do 20 ao 24 de xaneiro) tiña lugar en Madrid a Feira Internacional de Turismo (FITUR) na que quixeron estar presentes o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE) para presentar a súa nova páxina web e máis a aplicación móbil Ciudades Patrimonio Accesibles. Cómpre dicir que ambas ferramentas foron creadas polo GCPHE coa colaboración da Plataforma Representativa de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF) e o financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Dirección Xeral de Belas Artes. O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, asistiu no stand de Turespaña á presentación destas ferramentas xunto cos demais rexedores das Cidades Patrimonio.
A nova web recolle a información sobre o nivel de accesibilidade de rutas urbanas e puntos de interese turístico das 15 cidades que forman parte do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España: Santiago de Compostela, Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.
A información das rutas e puntos de interese turísticos é descritiva para que cada persoa poida realizar unha elección en función das súas necesidades específicas de accesibilidade. Parte da información está dispoñíbel en Lectura Sinxela, un método de redacción que fai accesíbel os textos a persoas con dificultades de comprensión lectora.
Segundo nos conta o Concello de Santiago, a páxina web é responsive e a súa aparencia adáptase ao tipo de dispositivo dende o que se está consultando. Amais, cumpre cos criterios de accesibilidade do nivel AA establecidos pola WAI (Web Accessiblity Initiative) do W3C (World Wide Web Consortium).
A información publicada no portal está tamén dispoñíbel na aplicación móbil de turismo accesíbel TUR4all, promovida por PREDIF e a Fundación Vodafone España, e na app Cidades Patrimonio Accesíbeis. Todas estas ferramentas nútrense da mesma base de datos e achegan información sobre aloxamentos, restaurantes, oficinas de turismo, monumentos, museos e centros culturais, espazos lúdicos, espazos de congresos, espazos naturais e rutas peonís.
A aplicación Cidades Patrimonio Accesibles é de balde e está dispoñíbel en Android e iOS. Os seus contidos facilitan a planificación da visita ás cidades Grupo e a propia experiencia en cada cidade. As funcións da app son as seguintes: Cidades, achega a información das rutas e puntos de interese turísticos accesíbeis das 15 Cidades Patrimonio; O máis achegado, recoñecendo a posición GPS do usuario permítelle identificar as cidades e puntos de interese turístico máis próximos, e a ruta até eles a través do navegador que empregue por defecto no móbil ou na tableta; Buscador permite localizar as rutas e puntos de interese turístico segundo a cidade, tipo de establecemento ou por palabra clave, e acceder á información que lle interesa; e a Axenda achega a información sobre os eventos que se celebrarán nas 15 Cidades Patrimonio.

PUBLICIDADE