Santiago lanza novo portal para permitir á veciñanza consultar o estado do orzamento municipal

martes, 18 de outubro do 2016 Redacción

O Concello de Santiago vén de presentar unha nova web dirixida a favorecer a implicación da cidadanía na vida pública local e, tamén, a impulsar a transparencia. Trátase de Orzamento Aberto, un portal onde a veciñanza poderá consultar as contas municipais, achegando unha xanela directa ao estado do orzamento compostelán. Segundo fixo saber a concelleira de Economía e Facenda María Rozas, o sitio en cuestión será actualizado cada tres meses. Entres os seus “ingredientes”, figuran unicamente elementos open data que lle permitirá ao Concello facer algo máis que “pendurar información económica en bruto e en diferentes soportes”. A idea, engadiu Rozas, “é achegar coñecemento o máis claro posíbel”.
O portal de orzamentos conta con catro pestanas principais: Visión global, Políticas, O que ti achegas e Que significa? Na primeira dáse unha idea xeral dos ingresos do Concello, explicando as diferentes formas de financiamento. Nesta pestana tamén se explica como emprega o Goberno local eses cartos. Na segunda, que leva por nome Políticas, aparece reflectida a porcentaxe que cada área asume dos 99,4 millóns de orzamento municipal. A maior porcentaxe é o espazo que a propia web adica a cada unha das áreas.
A pestana O que ti achegas é unha calculadora de tributos na que a veciñanza pode coñecer cantos cartos van ás arcas públicas sumando os impostos que pague na cidade. A última pestana é a que máis se dirixe a simplificar a información e facela comprensíbel. De feito, no apartado Que significa defínense os termos económicos que adoitan usarse ao falar de orzamentos.
Na rolda de prensa, María Rozas estivo acompañada por Sonia Pérez, da Fundación Civio, quen explicou os detalles técnicos da plataforma e fixo un repaso polos concellos onde están integradas e habilitadas este tipo de plataformas.

PUBLICIDADE