Santiago lanza unha campaña de vídeo-consellos nas redes para promover o comercio local

martes, 28 de xuño do 2022 S. P.

O alcalde Xosé Sánchez Bugallo e o concelleiro de Políticas Lingüísticas Rubén Prol presentaron este luns 27 de xuño unha nova iniciativa que pretende “achegar ao público a sabedoría e o bo facer do tecido comercial da cidade” a través de 20 pílulas de información audiovisual protagonizadas por comerciantes de Santiago. Trátase do programa Vídeo-consellos: o comercio local sabe de que fala, coa que os departamentos de Comercio e Lingua do Concello de Santiago pretenden dar un pulo ao comercio local.
O proxecto lánzase con vinte audiovisuais xa editados, para os que se abre unha canle específica de Youtube. Amais, poderase acceder a estes contidos dixitais desde as páxinas dos dous departamentos implicados: Comercio e Lingua, así como desde a web galegoempresas, directorio que se creou para divulgar e localizar negocios que ofrecen servizo na nosa lingua.
A estes primeiros vídeos poderanse sumar, a través dun formulario sinxelo, todas/os as/os comerciantes locais que queiran compartir consellos prácticos relacionados co seu ámbito. Os vídeos editados deberán estar en galego e achegar contido informativo de utilidade para o público. Tamén poderán enviar as súas ideas e propostas para novos contidos entre os que o Concello poderá seleccionar novas producións de vídeo-consellos.
Este proxecto pretende ·reforzar a autoestima do propio comercio poñendo o foco na súa calidade, non só do que vende senón de como o vende e do que pode axudar aos clientes·. O obxectivo é “afianzar o vínculo entre a veciñanza e o comercio local, a través dunha lingua común, e empregando o espazo virtual, o máis frecuente para acudir a resolver dúbidas do día a día”.

PUBLICIDADE