Santiago mobiliza á xuventude nas redes sociais para dar un novo impulso aos bosques composteláns

venres, 12 de marzo do 2021 S. P.

O Concello de Santiago lanzou unha campaña nas redes sociais para encher a nosa terra de máis árbores con motivo do Día Internacional dos Bosques, a celebración do 21 de marzo impulsada a nivel mundial polas Nacións Unidas. Trátase ademais dunha iniciativa que mobiliza a participación e a creatividade da cidadanía, xa que son as usuarias e usuarios das redes sociais quen se encargan de contribuír ás novas plantacións. Estamos a falar da Cambia o mood: activa o modo bosque. Foi presentada este 11 de marzo polo alcalde Xosé Sánchez Bugallo e o técnico de Emprego Xavier Ferreiro.
A iniciativa pon o foco na xuventude, os principais usuarios de Instagram, TikTok e outras comunidades tecnolóxicas. Faino convidando á poboación xuvenil a incrementar aínda máis un patrimonio ambiental de por si rico, diverso e completo: os bosques de Santiago (arredor de 5.000.000 metros cadrados dentro do municipio). Salientou o alcalde que "tendo en conta soamente a superficie de titularidade municipal, chégase aos máis de 30 metros cadrados de espazos verdes por habitante, moi por riba das recomendacións da OMS que sitúa o mínimo ideal nuns 10-15 metros cadrados por habitante".
Segundo explicou Xavier Ferreiro, o técnico municipal de emprego, a campaña está orientada a involucrar e concienciar os cidadáns máis novos da importancia de vivir nun entorno verde, “respectando e coidando as especies autóctonas do mesmo xeito que elas coidan de nós”.
Entre as accións eixo desta campaña, está o movemento en redes sociais #1foto1arbore que desde o seu lanzamento, hai so dous días, leva xa máis de 200 imaxes compartidas en Instagram co cancelo da campaña. O spot da mesma xa pode visualizarse en liña.
Por cada foto, o Concello de Santiago plantará unha árbore. O labor será realizado mediante o Obradoiro de Emprego Creas III, na especialidade de repoboación forestal. Plantaranse carballos e bidueiras na finca municipal da Remuíña e tamén no Monte Viso.
Como participar
Segundo fixeron saber, quen queira poñer unha semente e facer realidade a plantación de árbores autóctonas só ten que facer o seguinte:
1. Subir unha foto nas redes sociais nun entorno de natureza. Pode ser en Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Tamén serven as stories!
2. Utilizar o hashtag #1foto1arbore.
3. Etiquetar a @TalentiaSummit.
Ademais nos vindeiros días instalarase un photocall de neón de 5 metros de ancho por 3 de alto, preto da Porta dos Leóns que dá entrada ao paseo da Ferradura da Alameda. “Será un espazo aberto á creatividade de todas e todos os que non queiran desaproveitar a oportunidade de facerse unha foto curiosa e diferente ao mesmo tempo que están plantando unha nova árbore”, explicaron.
As fotos de máis éxito das compartidas coa etiqueta #1foto1arbore serán expostas polas principais rúas do ensanche da cidade, empregando como soporte as propias árbores urbanas.

Spot da campaña

PUBLICIDADE