Santiago presenta en FITUR dúas ducias de vídeo-guías para os turistas 3.0

mércores, 19 de maio do 2021 S. P.

O Concello de Santiago está no salón FITUR, a feira máis referencial do ámbito turístico en territorio español, dando conta das súas últimas novidades en materia turístico-tecnolóxica. Entre estas novidades figuran as súas novas vídeo-guías, coas que o Goberno compostelán quere apostar de cheo polo “turista 3.0”.
Segundo fixeron saber o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, o obxectivo é atender as demandas dun tipo novo de viaxeiro “caracterizado por un uso intensivo de Internet e redes sociais, recursos que emprega en todo o proceso dunha viaxe, dende a selección do destino ata a súa valoración unha vez rematado, compartindo a súa opinión na Rede”.
A presentación desta proposta en FITUR titulouse Santiago, ao outro lado do espello, coa idea de amosar a cidade como “un destino amplo e diverso, cunha gran oferta de recursos turísticos que van moito máis alá da Catedral e as súas prazas e rúas próximas”. A finalidade, dixeron, “é amosar á cidade que está máis alá do espello, unha cidade verde, de cultura e patrimonio, festiva, creativa, cunha gran gastronomía e con mil motivos máis para alongar a estadía nela”.
En total elaboráronse 26 vídeo-guías de distintos monumentos, parques e espazos de Santiago, que suman arredor de dúas horas de imaxes da cidade, rodadas polo director Fernando Cortizo. Cada unha delas guía inclúe entradas e ilustracións especiais, que, segundo fixeron saber o alcalde máis o concelleiro de Turismo, “fan máis atractiva a súa visión, pensando no turista que emprega Internet de xeito intensivo para elixir o seu destino e decidir que visitar e canto tempo pasar en cada lugar”.
No vídeo de promoción das guías, feito tamén por Cortizo, aparecen Rosalía de Castro, Castelao, Valle-Inclán, as Dúas Marías e múltiples personaxes que forman “parte da esencia de Santiago”.
As vídeo-guías están dispoñíbeis en sete idiomas (galego, castelán, inglés, francés, portugués, italiano e alemán). Ademais, elaborouse tamén unha versión en linguaxe de signos española para fomentar a accesibilidade. Pódense ver xa na páxina web de Turismo de Santiago.

PUBLICIDADE