Santiago relanza con máis contidos a web Compostela Literaria

mércores, 25 de xaneiro do 2023 S. P.

A concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, presentou este mércores 25 de xaneiro unha iniciativa tecnolóxica para reforzar e visualizar os fortes vencellos cos libros da capital de Galicia. Trátase do relanzamento de Compostela Literaria, unha web actualizada que inclúe un mapa das obras e autores e autoras ligados a Santiago, así como outros recursos e artigos. Na rolda de prensa Rosón estivo acompañada de Óscar Senra, da cooperativa Maos Innovación Social. Segundo fixeron saber, a web foi totalmente remodelada e enriquecida con novos contidos.
Artellada ao estilo dunha guía, comprende tanto un mapa literario como unha mostra de obras, autoras e autores de “marcada compostelanía, sexa esta nativa ou adoptiva, sexa por relevancia ou por intensidade”, explicaron, engadindo que a proposta “complétase cunha serie de recursos lúdicos, como xogos didácticos ou un escape city, e con diversos artigos escritos por persoas relacionadas co mundo da literatura, como María do Cebreiro ou Antía Otero”. Inclúese ademais a sección participativa Microficcións, á que calquera persoa pode enviar as súas propias creacións. “Compostela Literaria quere ofrecer unha visión panorámica da relación entre a nosa cidade e a literatura", sinalou Rosón, engadindo que o obxectivo principal é “fornecer pistas e suxestións para coñecer esa prolífica relación da nosa cidade coa letra impresa”.
Algúns nomes que poden encontrarse na web son clásicos como os de Rosalía de Castro, Arturo Cuadrado, Concha Castroviejo ou Xoana Torres, ademais de outros máis actuais, como Suso de Toro, Berta Dávila, Daniel Asorey, Marga Tojo ou Patricia Janeiro. Tamén recolle as contribucións de grandes persoeiros do mundo das letras como Federico García Lorca, Emilia Pardo Bazán ou Valle-Inclán.

PUBLICIDADE