Sé lo que hicisteis... pódese seguir en directo a través da Rede

luns, 27 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Televisión Española aproveitou o potencial da Internet para facer un especial seguimento ao Tour de Francia, e La Sexta segue os seus pasos e decidiu comezar a ofrecer este serán o programa Sé lo que hicisteis… en directo a través da Internet, engadindo ao carón do vídeo coa emisión unha caixa de chat mediante a tecnoloxía Facebook Connect. Deste xeito, o magazine estrela de La Sexta non só poderase seguir a través da Rede, senón que tamén poderán comentarse os seus contidos cos amigos.
Este formato tivo moi boa aceptación durante a toma de posesión de Obama, Telecinco tamén utiliza unha fórmula semellante con Sálvame (permitindo tamén compartir comentarios a través de Windows Live Messenger), e nos vindeiros meses veremos a máis canles experimentando cun fenómeno que promete imporse, aínda que é de agardar que este tipo de interacción evolucione co tempo para non converterse nunha comunicación demasiado plana, da que non é habitual recibir resposta por parte das canles de televisión.

PUBLICIDADE