Second Life só conta con 68.000 usuarios simultáneos

venres, 19 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O mundo virtual de Second Life parecía estar dando lugar a unha nova burbulla da Internet, con moitas empresas apostando por este xeito de comunicarse que finalmente non se está a converter no que certos gurús vaticinaban , e nunha entrevista a Mark Kingdon, novo director xeral de Linden Lab, póñense as cifras en negro sobre branco.
Sabemos agora que aínda que hai máis de 15 millóns de usuarios rexistrados, estas altas non se corresponden a usuarios en activo, de xeito que normalmente o mundo virtual conta con 68.000 usuarios simultáneos, o que sería volume de movemento semellante ao de servizos de chateo coma o IRC-Hispano (que supera os 40.000 usuarios simultáneos), polo que non parece razoable consideralo como unha plataforma de peso a escala global.
Hai quen estima que o número de usuarios de Second Life podería superar os 200.000, moi lonxe dos millóns de usuarios que anunciaba a compañía, que centra agora a súa actividade na reorientación do servizo (ante o fracaso de convertelo nunha plataforma de comunicación masiva e normalizada) enfocándoo á colaboración e á formación, así como á súa expansión internacional, aínda que o auténtico reto será facer que os usuarios que proban Second Life volvan a utilizar o servizo no futuro, pois o elevado número de contas creadas indica claramente que a meirande parte dos usuarios que se animaron a probar este mundo virtual quedaron decepcionados.

PUBLICIDADE