Segue a xira de Navega con Rumbo do CPEIG por máis de 200 centros de ensino da nosa terra

martes, 19 de abril do 2022 S. P.

O programa Navega con Rumbo do CPEIG e da Consellería de Cultura e Educación segue esta primavera a súa xira polos colexios e institutos nosa terra, achegando as claves dunha Internet de utilidade entre a rapazada de Primaria e Secundaria. En concreto, faino cunha completa axenda de máis de 240 xornadas en 208 centros educativos galegos.
O obxectivo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia é novamente guiar á nenez e á mocidade “nunha navegación segura en internet de maneira útil e responsábel”. Amais, o programa inclúe recursos para axudar aos docentes e ás familias a atopar o camiño da vertente máis didáctica, rendíbel e enriquecedora das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación).
A deste curso é a décima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Por provincias, participan 74 centros coruñeses, 32 lucenses, 15 da provincia de Ourense e 87 da de Pontevedra.
Ao abeiro de Navega con Rumbo, especialistas do CPEIG levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensinanza. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.

PUBLICIDADE