Seguir o Mundial en liña dende o traballo podería deixar ás empresas sen rede

venres, 25 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Que o Mundial muda os hábitos da xente xa o sabíamos todas e todos. Por exemplo: de súpeto, proliferan bandeiras de España onde menos se agardaban, e polas rúas desfilan longas ringleiras de xente vestida de vermello e amarelo, e non hai que ser moi adiviño para saber a onde vai ir toda esa roupa no caso (probable) de que a selección marche en breve para a casiña. O que xa non estaba tan claro é que o Mundial tamén fose quen de trocar radicalmente as tendencias dos internautas e da Internet mesma. Así nolo conta NextVision, empresa con sede en Santiago que vén de publicar un estudo sobre audiencias en Internet que pon de manifesto o tirón do campionato tamén no virtual e os riscos para as empresas que isto achega. Así, para ir facéndonos unha idea, a xornada inaugural da Copa do Mundo de Fútbol que se está a celebrar en Sudáfrica “bateu tódolos recórds de audiencia en liña”.
Máis en detalle, os sitios ligados ao evento rexistraron máis de 12,5 millóns de accesos por minuto. Este marexada de clicks, que vai alén de todo o coñecido, foi tal que até superou a cifra de accesos acadada na investidura de Barack Obama, que chegou a unha taxa de 8,5 visitas por minuto. Segundo informa NextVision, o récord rexistrado os días pasados débese sobre todo ao elevado número de webs ligadas ao Mundial, e a que unha boa parte dos medios de comunicación asinaron acordos para transmitir os encontros vía tecnoloxía streaming (distribución de vídeo e audio na Rede), de aí que os seareiros decidiran botarse a Internet de tal maneira.
Amais das causas, tamén están ben claras as consecuencias deste fenómeno. Segundo informa no devandito informe Roberto Heker, director de NextVision, non hai dúbida de que un acontecemento como o devandito ten potencial de abondo como afectarlle ao propio miolo das redes. Así, sinala que “os partidos do Mundial poden seguirse en liña dende o lugar do traballo, o que xera un gran volume de tráfico nas redes corporativas, feito que á súa vez pode provocar a súa saturación e mesmo degradar o seu rendemento ou mesmo afectar á dispoñibilidade de servizos críticos para as organizacións”.
E engade: un partido pode consumir arredor do 10% da banda larga da empresa por cada usuario conectado, e un número salientable de empregados seguindo os encontros en liña podería deixar sen lonxitude de banda á organización, xerando tamén caídas nos seus servidores informáticos. Asemade, incide, estaríamos a deixarlles aos delincuentes na Rede todo tipo de portas abertas para o acceso á información da compañía. A xuízo de Heker, é moi recomendable que para evitar este tipo de incidencias se teña no seo das empresas unha política de uso da Internet durante o horario laboral para así evitar as malas pasadas que este tipo de acontecementos poden xerar.

PUBLICIDADE