Segundamano.es completa o seu catálogo de videoxogos con máis de 27.000 produtos

mércores, 30 de setembro do 2015 Redacción

O portal de venda de artigos usados ou descatalogados Segundamano.es vén de facer reconto da súa oferta actual en materia de videoxogos, unha oferta que abrangue unha parte importante dos lanzamentos máis recentes ao mercado. Por exemplo o FIFA 2016, para os responsábeis do portal unha das grandes estrelas do catálogo. “O sector dos videoxogos”, sinalan dende o portal, “ten un papel importante na nosa plataforma, onde se poden atopar máis de 55.000 artigos de entretemento tecnolóxico entre videoxogos (27.000), consolas (23.000) e complementos (5.000) ao mellor prezo e para calquera idade”.
Segundo engaden, só entre xaneiro e agosto de 2015 vendéronse máis de 48.700 videoxogos e consolas a través do portal, onde as transaccións destes artigos chegaron a superar os 400.000 euros nun único mes. De feito e tendo en conta estas cifras, os videoxogos están á cabeza da oferta electrónica do portal, só superados (dentro da súa categoría) polos teléfonos móbiles.
Por certo que amais do FIFA 2016 (que saíu ao mercado o 24 de setembro e que na plataforma se pode mercar cun desconto de até o 30% sobre o prezo orixinal) tamén está dispoñíbel en Segunda Mano outra das grandes estreas recentes da tempada, o Pro Evolution Soccer 2016, pronto para a súa venda con aforros medios do 20% con respecto ao custe orixinal.

PUBLICIDADE