Seleccionados os sete primeiros proxectos do programa Ignicia

martes, 14 de marzo do 2017 Redacción

O pasado mes de febreiro presentouse na Coruña o programa Ignicia, un fondo de proba de concepto baseado no éxito da metodoloxía creada e desenvolvida pola Fundación Barrié, que posibilitará o pulo e posta no mercado do coñecemento xerado polos investigadores galegos. O programa Ignicia, que vai pola segunda fase da súa primeira edición, vén da man de GAIN (a Axencia Galega de Innovación) coa colaboración da Fundación Barrié. Está dirixido a universidades, centros de investigación e tecnolóxicos e fundacións hospitalarias. Onte puidemos saber os nomes dos sete proxectos seleccionados para a primeira edición de Ignicia. Na fase inicial, concorreron máis dunha trintena de iniciativas, das que só dúas ducias foron seleccionadas. Finalmente elixíronse os ditos sete proxectos para a fase de maduración e investimento.
As iniciativas seleccionadas foron presentadas este luns nun acto celebrado en Santiago de Compostela, presidido polo titular deste departamento, Francisco Conde e por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié. Segundo fixo saber Conde, a idea é “vencellar uns 50 empregos, cun investimento de dous millóns de euros”. A amplitude da axuda que recibirá cada proxecto, que será fixada de xeito individual polo comité de investimentos, financiará gastos precisos para desenvolver as aplicacións comerciais dos proxectos: estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio, ou formulación de propostas a empresas ou investidores que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.
Entre as iniciativas que se impulsan encóntranse tres que promove a Universidade de Santiago (Matprint, relacionada coa impresión 3D de implantes biocerámicos e catalizadores químicos; Oncometa e Reprosteatosis, ambas para desenvolver novos fármacos); outras tres a través da Universidade de Vigo (Biofast, para a obtención dun biomaterial para rexeneración ósea a partir de dente de quenlla; Ubismart, vencellada coas aplicacións móbiles; e XHS Platform, con nanosatélites e provisión de servizos comerciais); e unha sétima a través do Centro Tecnolóxico Gradiant (Face Idn, para a verificación biométrica online).
O conselleiro sinalou que por primeira vez en Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), recórrese a un avaliador externo internacional: “Neste caso contamos coa colaboración da Universidade de Oxford para analizar os proxectos. Cos que pasaron a primeira fase temos que traballar, a través do asesoramento, para que poidan transferir as súas ideas ao mercado”.
Estas sete iniciativas, sinalou, “contribuirán ao desenvolvemento económico e social de Galicia, facilitando o rendemento económico e social do investimento público en I+D, así como á mellora da competitividade das empresas galegas, o fomento das capacidades dos organismos de investigación de Galicia e a atracción de investimentos públicos e privados á nosa terra”.

PUBLICIDADE