Semana de descontos para os subscritores de Xbox LIVE

martes, 9 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Até o vindeiro día 15 Microsoft lanzou importantes ofertas na súa tenda en liña de xogos para Xbox 360 e Xbox One, que van dende o 20% até o 75% de desconto, e están limitados aos subscritores de Xbox LIVE, e parecen ser bastante oportunos xa que un dos xogos que figuran rebaixados non é outro que o de Masacre, personaxe da Marvel que o vindeiro día 19 estrea filme de acción real, e que agora ten o seu xogo a 29,99 euros para Xbox One e a 19,99 euros para Xbox 360, o que é unha boa oportunidade para somerxerse no carácter do mercenario bocalán (do que tamén ofertan a metade de prezo a súa mesa para o xogo Pinball FX2).
Outras ofertas significativas serían a de Mortal Kombat X para Xbox One por 38,49 euros, NBA 2K16 para a mesma plataforma por 46,89 euros, Dragon Age: Origins para Xbox 360 a só 5,00 euros ou Marvel Ultimate Alliance e Marvel Ultimate Alliance 2 para Xbox 360 por 9,99 euros (xogos tamén bastante oportunos xa que este ano tamén chegan ao cine películas do Capitán América e o X-Men, estando a meirande parte dos seus personaxes incluídos nestes títulos para consola).

PUBLICIDADE