Seresidesdecides.com: plataforma a prol do voto como un dereito de residencia

venres, 20 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A Web galega é estes días un fervedoiro de actividade informativa relacionada en maior ou menor medida coas eleccións autonómicas que xa se albiscan ao lonxe. Dende o non institucional (o que é de agradecer, tendo en conta a saturación de recursos en liña que están a pór en xogo os principais partidos) chéganos unha web-manifesto directamente encamiñada a dous obxectivos concretos: Seresidesdecides.com. Primeiro: poñer en tea de xuízo a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral que permite que voten colectivos da emigración que apenas teñen contacto coa realidade da nosa terra e, pola contra, impídelle o mesmo dereito ás persoas procedentes doutros países e residentes en Galiza (que si que terían un coñecemento máis amplo da situación galega). Segundo: reunir a través da devandita páxina o máximo apoio posible á iniciativa mediante un sistema de sinaturas en liña.
A web, que aparece arestora referenciada en Chuza! con opinións variadas (algúns internautas cren que non se pode meter no mesmo saco a todos os emigrantes galegos), foi posta en marcha pola plataforma do mesmo nome (Se resides, decides) co obxectivo de defender o voto como un dereito de residencia e non de sangue. Co fin de obter os mellores resultados na súa reivindicación, a web habilitada inclúe un apartado exclusivo para achegar os nosos datos e outro para dar conta de quen se adheriu até o de agora.

PUBLICIDADE